fev. 26, 2012

Unha desculpa

Vimos de despublicar unha nova, pola primeira vez na breve historia de Praza Pública, debido á súa inexactitude. E como o noso público merece unha explicación, aquí a tedes.

A nova, que trataba da presunta desaparición de Galiza Nova e os Comités para dar lugar a unha nova organización ao estilo do que no seu momento foi ERGA, chegounos a través dunha fonte escrita e fiable, dado que se trataba dunhaacta informal das discusións ocorridas no Consello Nacional do BNG celebrado onte. Ademais, a inmensa maioría do seu contido coincidía co expresado na web do propio BNG sobre os acordos da xuntanza. Porén, na acta informal incluíanse algúns puntos que, mesmo que se trataron, foron presentados a título particular por algúns membros do organismo, maissobre os cales non houbo deliberación nin adopción de acordos. Ao comprobar o malentendido ocorrido e as lóxicas reaccións críticas por parte do público lector, chegamos á resolución de despublicar a nova, para non aumentar o mal que a súa divulgación podería causar. 

Somos conscientes de que non houbo ningunha tentativa de utilizarnos como mensaxeiros dunha nova intoxicadora ou imprecisa, polo que non apuntamos o dedo para ninguén. Foi erro noso de interpretación, que asumimos e polo que pedimos fondas e sinceras desculpas, ao tempo que reafirmamos o noso compromiso para estarmos alertas a fin de que erros como este non se repitan. Agradecemos as vosas críticas e tamén a vosa comprensión.

fev. 15, 2012

Xa están aquí os primeiros blogs

Estamos comezando a activar os primeiros blogs temáticos de Praza. Algúns son individuais, pero a meirande parte son colectivos, polo que se estades interesadas e interesados en colaborar nalgún deles (coa periodicidade que escollades: semanal, quincenal, mensual…) dicídenolo a través do enderezo colaboracions@praza.com.

Ler mais

fev. 8, 2012

O código fonte de Praza, liberado

Un dos principios que sostén o proxecto de Praza Pública é o de compartir. Cremos nunha cultura transparente, e cremos que se xera máis beneficio social e económico compartindo software ca creando estruturas propietarias.

Por iso todo o software empregado en Praza Pública é software libre. Algún foi desenvolvido pola empresa A navalla suíza e outro foino por diversas empresas e individuos de todo o mundo. Podedes ver a lista completa dos créditos na páxina de colofón.

Hoxe, unha semana despois de botar a andar Praza Pública, temos dispoñible unha versión xa suficientemente estable do código informático que constrúe o xornal, para a súa descarga libre (licenza GNU GPL Affero 3). Quen queira pode coller o pack de software, instalalo, crear a súa propia Praza Pública ou aproveitar solucións a problemas concretos para outros problemas web. Iso si, e ao igual que nos avisos das pilas nos paquetes de xoguetes, “esta boneca non inclúe os contidos”.


http://praza.com/info/6/colofon/

http://praza.com/xornal/uploads/praza.com.tar.gz

fev. 3, 2012

Grazas polo voso feedback

A redacción de Praza ten, polo de agora, dous andares. No de arriba estamos os xornalistas, e no de abaixo están os que andan a amañar os desperfectos técnicos e as melloras inmediatas que van xurdindo dende a botadura.

Nestas primeiras 72 horas de Praza chegáronnos máis de 300 mensaxes de feedback: erros de contido, grallas ortográficas, castelanismos… e tamén problemiñas técnicos. Moitos destes problemas están relacionados cos distintos navegadores e con como se ve Praza nalgúns deles. O interese en que Praza funcionase perfectamente en móbiles e en tabelas fixo que os navegadores máis antigos, que non son estándares, teñan dificultades para ver ben o contido, aínda que poden acceder a todo el. De todos os xeitos, houbo algúns navegadores que, sen ser moi antigos, tamén tiñan problemas de visualización, relacionados coas tipografías, co contraste das cores ou coas follas de estilo: eses problemas iniciais xa están amañados case todos.

Ler mais

fev. 2, 2012

Unha Praza pensada dende e para internet

Praza Pública é un proxecto pensado e deseñado para internet, na crenza de que o mellor vieiro para os medios de comunicación en galego é a Rede. Praza é, ademais, un reto tecnoloxico: é un dos primeiros xornais no mundo deseñados e pensados integramente para o estándar de HTML5, que aproveita todos os recursos dispoñíbeis en internet, e que ademais o fai en formatos libres e abertos.

Ler mais

fev. 2, 2012

Desculpas pola primeira caída

A primeira mañá tivemos un encontro un pouco brusco coa realidade. A súpeta, calorosa e intensa resposta de vós, lectoras e lectores, sumado a unha serie de pequenos problemas técnicos pola nosa parte, fóronse sumando e derrubaron o servidor ata tres veces, cada unha delas máis seria cá anterior. Sentímolo, sentímolo moito. As persoas de Dinahosting, onde está hospedado o servidor, fixeron un traballo épico para recuperar todo o contido. Agora xa todo o que existía a primeira hora da mañá está dispoñible e recuperado.

Ler mais

jan. 30, 2012

Se queres ver Praza antes ca ninguén…

Praza Pública nacerá este mércores 1 de febreiro ás doce do mediodía. Daquela poderás ler, ver e escoitar os temas que estamos preparando.

Se queres un adianto, vén este martes ao Museo do Pobo Galego, onde a partir das sete da tarde faremos unha presentación da web e dalgúns dos seus contidos e colaboradores e colaboradoras.

Ler mais

jan. 30, 2012

Abertos a todos os temas: os nosos microespazos

Praza funcionará na selección de temas a dous niveis. Un máis xeralista, responsabilidade no núcleo da redacción e das colaboracións xornalísticas, necesariamente ligado á actualidade e aos grandes temas do momento (aínda que procurando sempre ter unha axenda de temas e un repertorio de voces propio). Pero do mesmo xeito buscaremos os temas-nicho (por suposto, tamén na axenda de temas da redacción), pero en boa medida a través de microespazos especializados, a xeito de blogs temáticos.

Ler mais

jan. 29, 2012

Quedan dous días. Praza xa está aquí

Praza aspira a ser un medio de comunicación que cobra as necesidades de información daquelas persoas en Galicia que non están conformes cos medios de comunicación existentes. Daquelas persoas que non contan con espazos que recollan a súa visión da realidade, as súas preocupacións, que están desprovistas de instrumentos que amplifiquen a súa voz. Praza tamén quere ser o espazo no que os e as xornalistas poidan desenvolver o seu oficio con liberdade, valentía e calidade, e de xeito retribuído.

Ler mais

jan. 27, 2012

…E unha excepcional sección de opinión

O vindeiro mércores 1 de febreiro Praza comezará a publicar tamén artigos, análises, tribunas e comentarios, nunha sección de opinión que queremos que sexa plural, variada e de calidade. Algunhas das sinaturas que xa están confirmadas son as seguintes:

Marilar Aleixandre, Diego Giráldez, Iago Martínez, Rosa Aneiros, Manuel González, Manoel Santos, Xoán Hermida, Isabel Vilalba, Xulio Ríos, Rafael Cuíña, Lourenzo Fernández Prieto, Diego Taboada, Encarna Otero, David Rodríguez, Fran Martínez Hidalgo, Ana Miranda, Fernando Garrido, Suso Baleato, Manuel Candelas, Lorena Gómez, María Xosé Vázquez, Rosa Regueiro,

Ler mais

Navegar
« Ao futuro Página 1 de 2
Sobre