jan. 19, 2012

Código de boas prácticas do xornalismo dixital

Queremos redactar un código ético para o xornalismo dixital no que figuren, ademais das cuestións deontolóxicas, éticas e metodolóxicas propias do exercicio do xornalismo escrito, aspectos específico relacionados coa publicidade online, os links hipertextuais, a manipulación de imaxes, o copyright e as licencias libres, a conversa social, e a privacidade.

Queremos facelo, porque así o permite e o obriga a rede, de maneira colaborativa e horizontal, porque a relación entre xornalistas e lectoras, entre o medio e a cidadanía, baséase na confianza e porque boa parte da desconexión que hoxe se advirte entre os destinatarios da información parte das malas prácticas exercidas polos medios, pola laxitude na aplicación da deontoloxía do xornalismo, que nos medios dixitais non é moi distinta da dos medios impresos, pero si ten elementos singulares, novas dificultades e tamén posibilidades engadidas.

Empregamos como base algúns textos deontolóxicos xa en funcionamento, aprobados pola FAPE, o Colexio de Xornalistas, ou por algúns medios, coma The New York Times, The Guardian, LaInformación ou Vilaweb. Pero queremos que este texto se vaia complementando con todas as achegas, correccións e propostas de quen queira facelas. É pois un código en código aberto.

Na era dixital a ética é a única razón de ser do xornalismo. Nun ambiente conectado onde calquera pode publicar calquera cousa finalmente será o socialmente responsábel aquilo que poderá ser confiado e considerado como xornalismo. O único que pode identificar aos e ás xornalistas con respecto a outros informantes que actúan na rede é o compromiso ético, solidario e progresista coa realidade e coa vontade de obter a descrición máis fiel posible da verdade pola vía do máis amplo consenso de percepcións.

O profesional da información debe diferenciarse das outras fontes polo seu equilibrio e imparcialidade e, sobre todo, por un sentido da responsabilidade que lle permita desenvolver o seu rol social, que se fundamenta na confianza. No xornalismo dixital, os e as profesionais teñen que redefinir a súa función e identidade para combinar a súa liberdade existencial con nocións de rendición de contas pública e responsabilidade social.

O propósito dos códigos é protexer e asegurar o vínculo de confianza entre o xornal e os seus lectores e lectoras, e polo tanto para protexer a integridade do medio e do seu xornalismo. A privilexiada posición da prensa está estreitamente relacionada coas responsabilidades e deberes específicos que son impostos aos medios e aos e ás xornalistas. A re-conceptualización da función e ética do xornalismo, sexa profesional ou xornalismo cidadán non pode ser imposto desde arriba, senón que ten que ser resultado dun proceso dialóxico autorregulatorio.


1. Verificación e transparencia:
O compromiso coa procura da verdade levará sempre ao xornalista a informar só sobre feitos dos cales coñeza a súa orixe, sen falsificar documentos nin omitir informacións esenciais, así como a non publicar material informativo falso, enganoso ou deformado. A xornalista nunca debe publicar información que se saiba que é imprecisa e, no caso de que se publique información cuestionable, deberase aclarar que pode ser dubidosa. É mellor que outro medio publique primeiro unha información que arriscarse a caer nun erro importante que pode levar a perder a nosa credibilidade como xornalistas e a do medio.

A xornalista deberá fundamentar as informacións que difunda, o que inclúe o deber que contrastar as fontes e o de dar a oportunidade á persoa afectada de ofrecer a súa propia versión dos feitos. Debemos difundir unicamente informacións fundamentadas, evitando en calquera caso afirmacións ou datos imprecisos e sen base dabondo que poidan lesionar ou menosprezar a dignidade das persoas e provocar un dano ou descrédito inxustificados a institucións e entidades públicas e privadas, así como a utilización de expresións ou cualificativos inxuriosos. Os e as xornalistas débenlle lealdade, ante todo, á cidadanía e aos seus lectores e lectoras.

Confíar na autenticidade e a fiabilidade das nosas fontes é esencial. As comunicacións dixitais e un entorno de noticias que cambian moi rapidamente son retos especiais para a verificación, e o escepticismo tería que ser o punto de partida. Temos que ser tenaces na procura da corroboración fiable e debemos facer explícito o nivel de substantación que fomos quen de conseguir. Non debemos asumir como un feito certo un dato que foi proporcionado por alguén que non podemos autenticar.

Onde sexa pertinente temos que  compartir cos lectores e lectoras o método empregado para chegar a unha declaración. O público ten o dereito de coñecer canta máis información sexa posible sobre a fiabilidade das fontes.

O xornalista non debe plaxiar nunca unha información e polo tanto debe identificar e enlazar coas fontes sempre que sexa factible.

O xornalismo convencional atópase con limitacións de tempo e espazo que limitan as recomendacións anteriores. O xornalismo electrónico non asegura de seu máis tempo ao xornalista para elaborar a súa información, pero si lle permite dispor de todo o espazo que desexe á hora de documentar unha información, así como dun factor temporal máis flexible á hora de engadir contidos tales como ampliacións de información, novos testemuños, comentarios de lectoras, réplicas de fontes, etc.

Outra rutina xornalística propia do medio dixital que incrementa as posibilidades de contraste de información é o establecemento de ligazóns con outras versións da devandita información presentes na rede. A posibilidade de facer explícito o proceso de creación e xestión da información tamén acrecenta a súa credibilidade.


2. Relación coas fontes:
O xornalista debe recoñecerlles ás persoas individuais e/ou xurídicas o seu dereito a non proporcionar informacións nin responder preguntas, sen prexuízo do deber dos e das xornalistas de atender o dereito da cidadanía á información.

O xornalista debe recoñecer que as persoas de a pé posúen un maior dereito ó control da información sobre eles mesmos que os oficiais públicos e outras persoas ou personalidades que perseguen poder, influencia ou atención. Porén, nos asuntos relacionados coas administracións públicas, o dereito fundamental á información debe prevalecer sempre por riba de calquera restrición que vulnere inxustificadamente o principio da transparencia informativa á que estean obrigadas.

O xornalista debe respectar o off the record cando este fose expresamente invocado, conforme coa práctica usual desta norma nunha sociedade libre. Polo tanto, o xornalista respectará o segredo das súas fontes e a privacidade das mesmas (confidencialidade), se así se estipulou entre ambas as partes, sabendo que se pode acoller ao chamado segredo profesional.

As mencións e declaracións anónimas deben ser manexadas con cautela. En moitas ocasións as persoas falarán máis honestamente se se lles deixa falar de xeito anónimo. Polo tanto, o uso non atribuído dunha cita pode polo tanto levar ao lector cara a un máis certo entendemento dun tema. Porén, o uso preguiceiro ou indiscriminado da cita anónima convértese nunha ameaza. Temos que ser sinceros sobre as nosas fontes, mesmo se non as podemos nomear, e no caso de optar por esta opción, as declaracións que publiquemos non deben conter elementos pexorativos cara a outras persoas.


3. Opinión:
A xornalista establecerá sempre unha clara e inequívoca distinción entre os feitos que narra e o que poidan ser opinións, interpretacións ou conxecturas, aínda que no exercicio da súa actividade profesional non está obrigado a ser neutral. Este principio adquire unha gran relevancia desde o punto de vista clásico dos medios de comunicación: os e as xornalistas representan “a canle de información” cara á cidadanía. Se mesturan información obxectiva con información subxectiva están a condicionar a veracidade da información e, por tanto, están a limitar a liberdade dos cidadáns. Pero nun marco de abundancia de información a función do xornalista dixital case se despraza á o extremo oposto: as cidadás nadan en información, e algúns case afogan. Un dos papeis do xornalista dixital é precisamente o de seleccionar información, priorizala e descartar fontes. E farao baixo un criterio subxectivo, por suposto. Por tanto, a opinión do xornalista pasa de ser un elemento secundario, cando non sobrante, a constituír o factor principal, o motivo polo cal un xornalista ten os lectores (ou interactores) que ten.

As xornalistas debemos evitar magnificar anécdotas ou feitos sen importancia, tomando a parte polo todo. A obxectividade regresa non como método, senón como resultado desexado dunha acción subxectiva.


4. Respecto á presunción de inocencia, a menores e ao honor:
O xornalista debe asumir o principio de que toda persoa é inocente mentres non se demostre o contrario e evitar ao máximo as posibles consecuencias danosas derivadas do cumprimento dos seus deberes informativos. Tales criterios son especialmente esixibles cando a información verse sobre temas sometidos ao coñecemento dos Tribunais de Xustiza.
a) O xornalista deberá evitar nomear nas súas informacións aos e ás familiares e amigos/as de persoas acusadas ou condenadas por un delito, salvo que a súa mención resulte necesaria para que a información sexa completa ou equitativa.
b) Evitarase nomear as vítimas dun delito, así como a publicación de material que poida contribuír á súa identificación, actuando con especial dilixencia cando se trate de delictos contra a liberdade sexual.

A xornalista debe respectar o dereito das persoas á súa propia intimidade e imaxe, especialmente en casos ou acontecementos que xeren situacións de aflición ou dor, evitando a intromisión gratuíta e as especulacións innecesarias sobre os seus sentimentos e circunstancias, especialmente cando as persoas afectadas o expliciten, tendo presente que:
a) Só a defensa do interese público xustifica as intromisións ou indagacións sobre a vida privada dunha persoa sen o seu previo consentimento.
b) No tratamento informativo dos asuntos en que medien elementos de dor ou aflición nas persoas afectadas, a xornalista evitará a intromisión gratuíta e as especulacións innecesarias sobre os seus sentimentos e circunstancias.
c) As restricións sobre intromisións na intimidade deberán observarse con especial coidado cando se trate de persoas ingresadas en centros hospitalarios ou en institucións semellantes.
d) Prestarase especial atención ao tratamento de asuntos que afecten á infancia e á mocidade e respectarase o dereito á intimidade dos nenos/as e adolescentes.

Os criterios indicados nos dous principios anteriores aplicaranse con extremo rigor cando a información poida afectar a menores de idade. En particular, o xornalista deberá absterse de entrevistar, fotografar ou gravar aos menores de idade sobre temas relacionados con actividades delituosas ou enmarcables no ámbito da privacidade.

En xeral, a xornalista extremará o seu celo profesional no respecto aos dereitos dos mais débiles e os discriminados. Por iso, debe manter unha especial sensibilidade nos casos de informacións ou opinións de contido eventualmente discriminatorio ou susceptibles de incitar á violencia ou a prácticas humanas degradantes.
a) Debe, por iso, absterse de aludir, de modo despectivo ou con prexuízos á raza, cor, relixión, orixe social ou sexo dunha persoa ou calquera enfermidade ou discapacidade física ou mental que padeza.
b) Debe tamén absterse de publicar tales datos, salvo que garden relación directa coa información publicada.
c) Debe, finalmente, e con carácter xeral, evitar expresións ou testemuños vexatorios ou lesivos para a condición persoal dos individuos e a súa integridade física e moral.


5. Rectificación
A xornalista ten o dereito de informar pero tamén o deber de rectificar en caso de difundir informacións erróneas que puidesen incorrer en dano algún a terceiros. Debemos rectificar con dilixencia e co tratamento adecuado á circunstancia as informacións -e as opinións que delas deriven- que estean probadas como falsas e que por este motivo resulten prexudiciais para os dereitos e intereses lexítimos das persoas e/ou organismos afectados, sen eludir, se fose preciso, a desculpa, con independencia do que as leis dispoñan ao respecto.

As correccións deberán ser recollidas nun rexistro público, ao final da nova, que recolla todas as modificacións efectuadas no texto. Se a rectificación se refire a un dato especialmente relevante, o xornalista deberá redactar unha breve nota aclaratoria ao final do texto. No caso de que o erro fose advertido por un lector ou lectora, no final do texto ou na caixa de comentarios debe ser feito o agradecemento a quen alertou do erro e o pedido de desculpas aos lectores/as.

No caso de que o erro se refira á tese da información, resultando esta falsa ou inxuriosa, unha vez advertida a difusión de material falso, enganoso ou deformado, o xornalista estará obrigado a corrixir o erro sufrido con toda rapidez e co mesmo despregamento tipográfico e/ou audiovisual empregado para a súa difusión. Así mesmo difundirá a través do seu medio unha desculpa cando así proceda. Así mesmo, e sen necesidade de que os afectados acudan á vía xudicial, deberá facilitar ás persoas físicas ou xurídicas a adecuada oportunidade de replicar as inexactitudes.


6. Relación ética coa información, con anunciantes e protagonistas da actualidade:
A xornalista está obrigado a realizar unha distinción formal e rigorosa entre a información e a publicidade para non inducir a erro ou confusión dos usuarios. Polo tanto, non se poden presentar subrepticiamente as diferentes modalidades de patrocinio e de información comercial (publireportaxe) coma se fosen materiais informativos das redaccións nin se poden encubrir sen que poidan ser claramente diferenciades polos lectores e lectoras.

A xornalista debe denegar tratos de favor a anunciantes e grupos de especial interese e resistir ante a súa presión para influír no contido.

A xornalista non debe aceptar nunca retribucións ou gratificacións de terceiros por promover, orientar, influír ou ter publicado informacións ou opinións. A práctica de aceptar obsequios e agasallos está a criterio dos medios e dos propios profesionais, establecendo as condicións e circunstancias en que es poden ultrapasar os límites dunha cortesía razoable, converténdose nun factor de mediatización ou distorsión do traballo profesional.

O xornalista non debe utilizar nunca en beneficio de intereses propios ou doutras persoas informacións privilexiadas, obtidas de forma confidencial, como xornalistas, no exercicio da súa función informativa. En particular, o xornalista que habitual ou ocasionalmente informado sobre asuntos financeiros estará suxeito ás seguintes limitacións:
a) Non poderá utilizar no seu propio beneficio económico datos financeiros dos que teña coñecemento antes da súa difusión xeral, nin poderá tampouco transmitir tales datos a terceiros.
b) Non poderá escribir sobre accións ou valores nos que teña un interese financeiro significativo propio ou dos seus familiares.
c) Non poderá negociar de ningún modo acciones ou valores, sobre os que teña intención de escribir nun futuro próximo.


7. Tratamento de imaxes e material audiovisual:
Non están permitidas as manipulacións en imaxes, vídeos e audios que supoñan unha alteración interesada do contido orixinalmente recollido na realidade co obxectivo de producir unha determinada visión da realidade ou un novo significado. En canto ás fotografías non está permitido alterar a información visual gravada orixinariamente polo obxectivo da cámara, é dicir, engadir, eliminar, desprazar ou modificar calquera elemento da imaxe orixinal. Os recortes ou seleccións de partes da imaxe orixinal que se realicen non deben modificar igualmente o contido informativo orixinal da mesma.


8. Dereitos dos e das xornalistas:
Para garantir a necesaria independencia e equidade no desempeño da súa profesión, a xornalista deberá reclamar, para si e para quen traballen ás súas ordes:
a) O dereito a unhas dignas condicións de traballo, tanto no que se refire á retribución, como ás circunstancias materiais e profesionais nas que debe desempeñar a súa tarefa.
b) O deber e o dereito de oposición a calquera intento evidente de monopolio ou oligopolio informativo, que poida impedir o pluralismo social e político.
c) O deber e o dereito de participación na empresa xornalística, para que se garanta a súa liberdade informativa de maneira compatible cos dereitos do medio informativo en que se exprese.
d) O dereito a invocar a cláusula de conciencia, cando o medio do que dependa pretenda unha actitude moral que lesione a súa dignidade profesional ou modifique substantivamente a liña editorial.
e) O dereito e o deber a unha información profesional actualizada e completa.

O xornalista ten dereito a ser amparado tanto no marco da súa propia empresa como polas organizacións asociativas ou institucionais, fronte a quen, mediante presións de calquera tipo, pretendan desviarlle do marco de actuación fixado no presente Código Deontolóxico.


9. Estilo lingüístico:
Adóitase dicir que o rexistro neutro é o máis apropiado á función informativa da linguaxe xornalística. E non poucas veces enténdese que un rexistro ‘neutro’ vai indisolublemente ligado a unha lingua de mínimos, o que non é certo. Un rexistro neutro pide unha lingua non moi connotada: nin requintada nin lacónica, senón sobria; nin refinada nin vulgar, senón culta; nin efusiva nin seca, senón contida… Noutras palabras, a lingua xornalística non habería de ser nin unha lingua remota, nin unha lingua familiar. Un texto xornalístico non é un texto xurídico nin médico, por exemplo; nin ten que ter pretensións didácticas, nin veleidades digamos literarias. Pero tampouco é un texto cheo de coloquialismos, nin tolera vulgarismos de ningún tipo. Un estilo informativo eficaz non desdí nada dunha lingua matizada e rica, senón dunha lingua profusa ou prolixa, tanto como dunha lingua indixente ou monótona. En certo xeito, un estilo informativo eficaz pide unha lingua regular e sostida, sen desfeitas, pero non nada rutineira.


10. Conversa social:
As conversas florecen só cando os nosos membros se senten benvidos e seguros. Nos comentarios dos lectores e lectoras, ou nas novas e textos publicados directamente por eles non se permitirán ofensas nin insultos, non se permitirán ameazas nin maltratos verbais a outros lectores/as, nin aos autores/as dos textos nin aos seus protagonistas. Tampouco se permitirá a publicación de rumores, datos non verificados ou que se refiran á vida privada das persoas. Non se permitirá a introdución nas discusións de distorsións mediante mensaxes repetitivas, mensaxes sen sentido ou “spam.”. Non se permitirá a utilización de argumentos baseados na discriminación en función de nivel económico, relixión, nacionalidade, xénero, preferencia sexual, idade, rexión, incapacidade, etc. Os discursos de odio de calquera clase levarán á suspensión inmediata e permanente de acceso a todo ou parte dos servizos. Nunha comunidade chea de opinións e preferencias, as persoas sempre discrepan. Praza anima e dá a benvida ás discusións activas e os debates quentes, mais os ataques persoais son unha violación directa das condicións de servizo dos lectores.

Os contidos non permitidos e que serán eliminados de inmediato inclúen contidos que:
1. Sexan evidentemente ofensivos e promovan o racismo, a intolerancia ou o odio contra un grupo ou persoa, ou a causación a estes de danos físicos ou psíquicos de calquera tipo;
2. Soliciten información de calquera persoa menor de 18 anos;
3. Conteñan pornografía, violencia, temas ofensivos ou ligazóns a outros sitios web para adultos;
4. Constitúan ou promovan información falsa ou enganosa, ou promovan actividades ilegais ou condutas abusivas, ameazantes, obscenas, difamatorias, inxuriosas ou calumniantes;
5. Acosen ou promovan o acoso doutra persoa;
6. Publiquen información que represente ou cre un risco para a privacidade ou a seguridade de calquera persoa;
7. Exploten ás persoas de forma sexual ou violenta;
8. Incentiven ou promovan calquera actividade ou empresa delituosa, ou brinden información con instrucións sobre actividades ilegais, incluídas, entre outras, a fabricación ou compra de armas ilegais, a violación da privacidade de terceiros, ou a subministración ou a creación de virus informáticos;
9. Impliquen actividades comerciais e/ou vendas sen o consentimento previo por escrito, como concursos, sorteos, publicidade ou esquemas piramidais;
10. Impliquen a transmisión de correo lixo ou cartas en cadea, ou o envío de mensaxes non solicitadas de correo masivo ou spamming;
11. Violen os dereitos á honra, á intimidade e á imaxe de calquera persoa
12. Constitúan ou promovan comportamentos ou actitudes que supoñan malos tratos a animais ou persoas ou inciten a iso.

A. Tratamento informativo da violencia machista:

Á hora de abordar a violencia que exercen os homes contra as mulleres, seguiremos as recomendacións efectuadas en 2004 polo Colexio de Xornalistas de Galicia a través da Declaración de Compostela e tomaremos como referencia así mesmo outros códigos de boas prácticas, coma o difundido por Público en 2008 para informar sobre a violencia de xénero. Medios e xornalistas deben adoptar un compromiso activo na denuncia da violencia de xénero, incentivando a toma de conciencia social sobre a problemática que comporta. Non cabe a neutralidade.

Ambos os dous textos inciden en certas cuestións, que para nós son fulcrais: a necesidade de tratar estas informacións dunha maneira global e contextualizada, entendéndoo como un problema social e enmarcándoos na problemática xeral da violencia contra as mulleres, baseada nun modelo patriarcal de sociedade no que o rol feminino estivo e está supeditado ao masculino non só se manifesta nos malos tratos dentro do ámbito doméstico, senón tamén nos abusos e agresións sexuais, no acoso laboral, e na violencia específica e singular contra as nenas. En calquera caso, nunca tratalos como sucesos, fuxir do efecto narcotizante que provoca a enumeración de casos sen un tratamento en profundidade

Outra cuestión fundamental é tratar con xustiza a vítimas e agresores, entendendo como debería ser obvio, que a vítima nunca é responsábel do feito violento, polo que é preciso evitar unha cobertura que a culpabilice, e que o agresor é o único responsábel, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que o xustifique, como sucede sempre que se bota man doutras circunstancias persoais. Débese evitar a rumoroloxía, primando as fontes policiais e as fontes expertas, e evitar que comentarios sobre disensións ou boas relacións no seo da parella, por exemplo, leven a explicar a violencia como a consecuencia lóxica dunha situación de deterioración ou, pola contra, como un arrebato ocasional.

Non identificaremos ás vítimas e preservaremos a súa intimidade. En canto aos agresores, sempre respectaremos a presunción de inocencia ata que haxa sentenza firme. Pero identificaremos debidamente aos agresores cando fosen condenados.

Especificaremos as condenas. Informaremos os aspectos xudiciais e, sempre que haxa sentenza condenatoria, recolleremos o castigo no titular. Tamén destacaremos as denuncias previas, procesos xudiciais pendentes e ordes de afastamento. Incluiremos sempre ao final da noticia o teléfono gratuíto para denunciar malos tratos e calquera outra información útil.

Por último, aínda que non menos importante, o tratamento axeitado deste tipo de violencia debe comezar por unha correcta utilización da linguaxe, cualificando estas situacións de violencia de xénero, violencia machista, violencia sexista ou violencia masculina contra as mulleres, e nunca violencia doméstica, violencia de parella ou violencia familiar. En xeral, teremos unha gran preocupación por desbotar a linguaxe sexista, por entender que reforza a dominación simbólica contra as mulleres.


B. Tratamento de informacións nas que menores de idade sexan protagonistas:

Praza Pública ten como obxectivo tratar as informacións en profundidade, de xeito transversal, indo máis aló dos sucesos específicos e situándoos nun contexto. Este tipo de coberturas evita, de inicio, moitas dos erros e abusos nos que o xornalismo incorre á hora de publicar informacións ligadas con menores, sobre todo aquelas nas que existen elementos de violencia. Porén, teremos en conta en todo momento as recomendacións efectuadas polo Colexio de Xornalistas de Galicia en 2007 a raíz do caso de Boiro:

  • Protección do menor, preservación da súa imaxe e dereito á intimidade, á dignidade e ao anonimato de todas as persoas implicadas.
  • Evitar o sensacionalismo, a intromisión nos sentimentos e as especulacións sobre estes
  • Rigorosidade na información e contraste dos datos. Evitar orientar as testemuñas
  • Dereito a non proporcionar información. Os medios de comunicación esquecen demasiado a miúdo que os protagonistas das noticias non sempre queren mostrarse en público.
  • Non alongar as informacións de modo innecesario. Cando a información que xerou a noticia deixa de ser importante ou interesante porque “caduca”, os datos pouco relevantes e que non engaden ningún tipo de valor convértense no eixo da nova, para o cal é necesario, na maioría das ocasións, esaxeraren ou cualificaren estes aspectos para lles daren unha aparencia externa atractiva que chame a atención da audiencia.
  • Non implicar a terceiros. Os medios adoitan utilizar as voces non autorizadas de veciños e coñecidos para lle dar unha maior carga de veracidade á información e ás testemuñas. Porén, débese coidar a relación coas fontes, procurando que estas sexan plurais e diversas, non só oficiais, senón tamén expertas, e desbotando os testemuños das fontes espontáneas (veciños, na meirande parte dos casos) que non aportan datos relevantes ou significativos para o desenvolvemento da información.
  • Realizar unha análise profunda e contextualizada. Á hora de afrontaren este tipo de informacións, os medios de comunicación toman o camiño máis doado e trátanas a xeito de casos illados. Non se poden despachar este tipo de informacións mediante pequenos bosquexos, senón que se deben de ter en conta as diversas perspectivas, antecedentes, causas e consecuencias para encaixar unha problemática como esta no entorno social e cultural no que se desenvolve.
  • Non facer xuízos paralelos. Os medios de comunicación deben dedicarse a informar, non a dictaren sentencias ou resolucións ou a xeraren estados de alarma social e inestabilidade que acaben por influír no tratamento que o propio poder xudicial lle dea á vítima e ao agresor
  • Non asediar á vítima. Cando as vítimas se agachan porque non teñen interese por saíren nos medios e porque queren manter a súa intimidade, privacidade, dignidade e identidade, os medios de comunicación deben aceptar a súa decisión e buscar outros medios de testemuña rigorosos que lles axuden a afrontar as situacións.
  • Non publicar imaxes sen consentimento.


Se queres participar na construción de Praza, fai un depósito ou transferencia a favor desta conta corrente: Entidade: Caixa Rural Galega. Titular: Fundación Praza Pública. Nº de conta: 3070-0044-52-6084862520

Sobre