Praza nacerá o 1 de febreiro
Quedan dúas semanas exactas. O mércores 1 de febreiro, véspera da Candeloria, Praza comezará a publicar, cos obxectivos que xa compartimos con vós: Facer xornalismo de calidade, valente, indo á raíz dos asuntos, con temas e voces que hoxe non contan con espazo en Galicia, en contacto coa sociedade civil máis activa e que non se conforma coa situación actual. Facer xornalismo dixital, aberto, colaborativo con toda a forza e a creatividade da rede galega e aproveitando todas as posibilidades que ofrece o medio (vídeo, infografía, deseño…). Facer xornalismo en galego, con toda a normalidade, porque é a lingua do noso país.
Praza Pública será unha realidade grazas a todas e todos vós, ao voso apoio e ás vosas achegas económicas, grandes ou pequenas, que fan que Praza sexa propiedade de vós, os lectores e lectoras. Seguimos animándovos a que cada un de vós, na medida das vosas posibilidades, colaboredes co proxecto, como achega inicial para beneficiarvos das contrapartidas que ofrecemeos aos asinantes, ou a xeito de subscrición anual. Para facer Praza máis forte e máis libre.
O 1 de febreiro poderedes ler reportaxes, entrevistas, crónicas, artigos de opinión, e poderedes navegar por unha web moderna e intuitiva. Un xornal dixital deseñado por A Navalla Suíza da maneira na que un xornal dixital debe ser feito no ano 2012.
Ao longo do mes de febreiro iremos poñendo en marcha outras funcionalidades, como blogs ou espazos de construción colaborativa da información. Se tedes suxestións ou propostas, non dubidedes en escribirnos a info@prazapublica.com.
Estade atentos e atentas a este blog, porque día a día iremos contándovos novidades e adiantos sobre como vai ser o xornal, o voso xornal. Unha praza na que atoparnos.

Se queres participar na construción de Praza, fai un depósito ou transferencia a favor desta conta corrente: Entidade: Caixa Rural Galega. Titular: Fundación Praza Pública. Nº de conta: 3070-0044-52-6084862520